Conceptos previos

Principal

Que é un problema?

   Hai quen pensa que os inventaron os profesores para fender a cabeza do seu alumnado. Quen sabe! Pero mentres non se demostre tal hipótese é útil pensar que son retos que poñen a proba a nosa intelixencia. Constantemente a realidade preséntanos interrogantes que só a Ciencia pode axudar a resolver. Por que os corpos caen en vertical e cada vez a máis velocidade? Por que os barcos flotan? Por que pasa calor dos corpos máis quentes aos máis fríos? Por que a luz cambia de dirección cando pasa dun medio a outro? Por que a masa consérvase nas reaccións químicas? Estas e outras preguntas axúdannos a entender mellor o mundo no que vivimos. Os problemas axúdannos a utilizar os descubrimentos científicos para predicir o futuro, ou o que vai ocorrer nunha situación dada.  

Que elementos presenta un problema?

   Os problemas son enunciados que constan de varios elementos:
  • Presentación dunha situación con DATOS numéricos ou non numéricos referidos ás magnitudes que inflúen no problema.
  • Gráficas, taboas de datos e debuxos son tamén elementos frecuentes nos problemas.
  • Interrogante sobre un dato descoñecido, que chamamos a INCÓGNITA.
  • E por último, datos complementarios que son necesarios para a resolución, como valor de constantes, ou datos tabulados.

Como se resolve un problema?

  • 1º. LE con moita atención o enunciado. Nel están as pistas que che permiten resolver o problema. O enunciado é como o lugar do crime, e ti es o policía que debe atopar as pistas que axuden a resolver o caso.
  • 2º. VOLVE LER o problema. Case nunca unha lectura única permíteche entender todas as claves do problema. Este punto pódelo repetir todas as veces que faga falta.
  • 3º. DATOS: Entresaca do enunciado os datos relevantes, os que che poidan axudar na resolución. Ás veces hai datos non útiles como os nomes dos personaxes, a temperatura ambiente nun problema de movemento, etc. Identifica os datos coas magnitudes ás que pertencen. Transforma as unidades se non son do Sistema Internacional.
  • 4º. DESENVOLVEMENTO: É moi importante facer un debuxo ou esquema. Nel podes indicar os datos. Busca a ecuación ou fórmula que relacione as magnitudes do problema. Logo substitúe os datos e fai os cálculos.
  • 5º. SOLUCIÓN: Débese responder cunha frase á pregunta do problema. Non esquezas as unidades que acompañan ao valor numérico da solución.
  • 6º. REPASA O PROBLEMA: Comproba se despexaches ben na fórmula. Repasa os cálculos (se podes usar calculadora non se perde moito tempo). Comproba que puxeches as unidades na solución. Analiza logo o resultado para comprobar que é un resultado lóxico, ou que se pode esperar. Ten en conta tamén os signos.